Amosando publicacións coa etiqueta Promoción da lectura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Promoción da lectura. Amosar todas as publicacións

martes, 28 de maio de 2024

Certames

Xa temos as gañadoras dos certames.
 Na modalidade "Knolling Literario" estes son os que máis votos acadaron do noso xurado: os de Sofía, Lúa, Noa e Icía.
Na modalidade, Certame de Tapas, as que tiveron maior número de aciertos foron: Maica, Jimena, Noa e Daniela.
Parabéns a todas e moitas grazas por participar¡

martes, 23 de abril de 2024

"Knolling" literario ou outra forma de expresar as túas lecturas

Para celebrar o Día do libro, este curso lle propuxemos á rapazada un concurso no que tiñan que producir un "Knolling",é dicir,unha sinopse visual que reflectise o argumento dun libro que lesen. Aquí tedes unha selección: non están todos os que son.... Grazas pola vosa participación e en breve coñeceredes aos gañadores! Témolo moi difícil...

martes, 16 de abril de 2024

martes, 27 de febreiro de 2024

Certame de "tapas"

 


Aquí deixámosvos a selección de "tapas" para esta semana.

         Acordádevos de que cada martes cambiamos o "menú" . 

    Animádevos a convertervos nos mellores "chefdetectives" do mundo¡

martes, 24 de outubro de 2023

Día das bibliotecas 2023

  Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro. O lema deste ano, "Tecendo Comunidades", pretende destacar o papel fundamental que desempeñan as bibliotecas na construción de lazos fortes dentro das nosas comunidades.

 
 Unha biblioteca non é só un edificio cheo de libros: son corazóns palpitantes dentro das nosas comunidades, son espazos de encontro e diálogo. O Día das Bibliotecas pon en valor o traballo que realizan todas as bibliotecas españolas, de todas as tipoloxías (públicas, escolares, universitarias, especializadas e nacionais/rexionais), para conectar aos seus usuarios, crear redes de apoio e colaboración, fomentar a participación e o diálogo cidadán, facer accesible a cultura e o coñecemento a toda a poboación, independentemente da súa idade, xénero, raza ou lugar de residencia.


E como vén sendo habitual,  o equipo da biblioteca aproveita esta efeméride para entregar  un agasallo aos seus mellores lectores: Parabéns!


Benvidos/-as a un novo curso¡


domingo, 21 de maio de 2023

Vivir os libros

 Este venres participamos, co alumnado dos Clubs de Lectura de 2º de ESO e 1º de BAC, na Feira do Libro. Os libreiros, con moita paciencia e empatía, permitiron unha cercanía entre o lector e o os exemplares expostos, respostaron as súas preguntas e aconselláronlles novidades editoriais, temas e formatos. Así a rapazada puido mercar libros para eles, pero tamén elixiron lecturas para que o Centro as mercara e ampliaran os fondos da Biblioteca.

 

Ademais, tanto eles coma nós, puidemos disfrutar da actividade musical,  A historia do rock’n roll en 45 minutos: de Elvis a Nirvana,  de Jacobo de Lope. Todo un éxito¡ 

Ambas artes permitíronnos desfrutar dunha mañá plena de arte e sensibilidade.


sábado, 20 de maio de 2023

A volta ao mundo en 80 libros


"Foi un dos socios do selecto Reform Club de Londres, Andrew Stuart, quen lanzou o reto: “Pois ben, fágao”. O interpelado respondeu sen distraer a súa atención da partida de whist: “A volta ao mundo en oitenta días? Deseguido”. E Phileas Fogg partiu esa mesma noite, tomou o tren do 20.45 rumbo a Douvres."
 E nós recollemos a luva : que mellor modo de homenaxear o 150 aniversario da publicación da novela de Julio Verne e do mes do libro? O reto é realizar unha viaxe tomando como punto de partida os libros, exactamente 80, a través de pequenas biografías, imaxes do espazo novelescos reais ou imaxinarios e comezos de libros de todos os tempos e continentes, nun tempo limitado desde o 23 de abril ata o 17 de maio.

Expuxemos o percorrido:


E  moitos viaxeiros subíronse ao globo e iniciaron  o seu periplo a libros descoñecidos.


Rematado o prazo, e mentres estamos a revisar os tacógrafos para determinar quen completaron o percorrido, aquí atoparedes  os autores/-as e os títulos dos libros que conformaron a noso reto deste curso. 
 

mércores, 19 de abril de 2023

Encontro con Emma Pedreira

    

Emma Pedreira, filóloga, poeta e escritora, trouxo “A maleta azul dos libros raros”. Dela saíron libros redondos, panos, barallas, casas, miniaturas… que nos abríron os ollos á posibilidade de contar historias nun sin fin de formatos. 
   Ás veces, non son necesarias as palabras, só a capacidade de ler. Os obxectos poden relatarnos as lembranzas da familia, formas de vida (pensemos nese libro-casa tan marabilloso!) doutras culturas e tempos, épocas de represión, de liberdade, cartas-poesía, de amor… En definitiva, a demostración de que calquera peza, non só os libros, poden conlevar un relato, en moitas ocasións subxectivo. E todo isto metido dentro dunha maleta!
      Moitas grazas, Emma.¡

martes, 21 de marzo de 2023

Canción ou poema? Reto

 Gústache a poesía? Les poemas? Estamos case seguras de que a resposta maioritaria sería: NON. As razóns para que isto non suceda poden ser múltiples:é aburrida, ridícula, difícil, non a entendo…

Pois ben, pretendemos demostrarche que isto non é así, porque estamos seguras de que escoitas cancións, e seguro que che sabes de memoria moitas letras. É dicir, ESCOITAS poesía, porque o único que separa a letra dunha canción dun poema é unha fina liña, para ser precisas, son cinco as que separan unha canción dun poema. 

E aquí é onde che lanzamos un “reto”: le o contido de cada recadro e cobre esta táboa poñendo unha cruz, indicando se é un poema ou a letra dunha canción. Non se trata de que as busques na internet- iso pódelo facer logo, se che apetece- . 

Oxalá que ao final, e despois de ver os teus resultados, convenzámosche de que ler poesía non é nin ridículo, nin difícil, nin aburrido. 


sábado, 29 de outubro de 2022

"As letras" , por Juan Mayorga

 Discurso de Juan Mayorga, titulado 'As letras',  na cerimonia de entrega dos Premios Princesa de Asturias 2022 no Teatro Campoamor de Oviedo.

martes, 25 de outubro de 2022

Día das Bibliotecas


 Dende 1997 celébrase o Día das Bibliotecas o 24 de outubro. A edición deste ano, baixo o lema “BiblioTEcuida”, céntrase en destacar "o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres e abertos que, a través dos seus diversos servizos e recursos, preocúpanse por atender as necesidades dos seus usuarios. As bibliotecas están abertas a toda a cidadanía e son un piar fundamental ao servizo das comunidades ás que pertencen."



E como vén sendo habitual,  o equipo da biblioteca aproveita esta efeméride para entregar  un agasallo aos seus mellores lectores, nesta ocasión LECTORAS. Parabéns a todas!



Benvidos/-as a este novo curso!

luns, 21 de febreiro de 2022

Ti es máis...

do amor a primeira liña ou dunha cita a cegas cun...Libro? Estes foron os lemas para celebrar o Día de San Valentín, que sempre crea moita expectación entre a rapazada. Cremos que as súas expectativas foron colmadas a xulgar pola boa acollida que tivo durante toda a semana.

martes, 7 de decembro de 2021

Calendario de Advento

Esta actividade está a ter unha grande acollida entre o alumnado que frecuenta a biblio. Pequenos e non tan pequenos quixeron participar. O calendario só tiña 21 días, xusto os que faltan para que cheguen as vacacións. En cada sobre escondíase unha pregunta relativa á lectura ou os libros que tiñan que contestar para poder levar o doce agasallo.

luns, 25 de outubro de 2021

Día das bibliotecas

 

Como xa sabedes, todos os 24 de outubro celébrase o día das bibliotecas. A edición deste ano, baixo o lema "Bibliotecas: ver, aprender, descubrir", céntrase en destacar o papel das bibliotecas de diferente tipoloxía como espazos libres, diversos e abertos para o acceso á cultura e o coñecemento. E, como todos os cursos, aproveitamos este día para agasallar aos nosos tres mellores lectores/as do curso pasado, que descubriron, vaia se descubriron, moitos libros e moitas lecturas. 
Noraboa a Fany, Lúa e Saúl¡