Amosando publicacións coa etiqueta Mujer. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Mujer. Amosar todas as publicacións

xoves, 7 de marzo de 2019

Contra vento e marea: Mulleres en loita

    A mellor protección que calquera muller pode ter é a coraxe
(Elizabeth Cady Stanton) 


 Setenta anos despois da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, as mulleres estamos a ser a avanzadilla da loita pola non discriminación e a lexitimidade que teñen todas as persoas a ser iguais en dignidade e dereitos. Saímos ás rúas, facémonos oír, reivindicamos por aquelas que o teñen prohibido, denunciamos as inxustizas si, pero sempre estamos a conxugar os verbos en presente.
     Habería que preguntarse entón que sería de nosoutras sen as que nos precederon: mulleres sen voz, sen lei, sen partido, sen organizacións, sen redes… A súa loita foi encarnizada e descomunal, porque estaban soas e con todo en contra. Por iso elas son o noso referente, a elas debémoslles o futuro.
    Raíñas, guerreiras, Premios Nobel, artistas, heroínas, a Historia está preñada delas. Mulleres que nunca se rendiron, que pagaron en ocasións coa súa vida por un ideal ou por intentar mellorar o mundo…e que foron esquecidas ou afastadas.

     Por iso dende o IES Xoán Montes reclamamos os seus nomes en MAIÚSCULA. Por todos os nosos alumnos para que as coñezan, e por todas as nosas alumnas para que xamais as esquezan.

Powered by emaze

mércores, 8 de marzo de 2017

Mulleres simbólicas

Ao longo destes anos, son moitas a mulleres que visibilizamos: Mulleres que deron a nota, Mulleres con valor, Mulleres tras as liñas, Bocas seladas. Este curso o alumnado de 1º de BAC de Lit. Universal acheganos a estas Mulleres simbólicas, unha escolma de personaxes literarios que ao longo de todos os tempos serviron de espello onde mirarse as sociedades. Noraboa polo voso traballo!

Powered by emaze

martes, 3 de marzo de 2015

Mulleres tras as liñas

Até o século XX, a muller europea pertenceu, en estrito sentido, ao home da familia: ao pai cando era virxe e ao marido, cando casaba, e aos seus fillos, cando enviuvaba. Ademais, desde o punto de vista legal, non podía comprar nin vender as súas pertenzas, viaxar, estudar, subsistir..., sen o permiso dos homes. Desafiar todo isto, supuña perdelo todo.
Pero houbo mulleres que se arriscaron, que perderon o medo, que dixeron NON, porque querían recuperar a súa esencia, a súa liberdade. Para iso, moitas se vestiron de homes, outras usaron pseudónimos, para realizar ese desexo obsesivo: deixar de estar illadas, marxinadas; en definitiva, poder ser elas mesmas.


O noso proxecto comenza con dous referentes culturais: o primeiro máis coñecido polo noso alumnado a través do cine, Hua Mulan, unha muller que disfrazada de guerreiro uníuse ao exército chino e cuxa lenda está recollida no poema Balada de Mulan. O outro referente, máis coñecido por as que temos xa unha certa idade, fai referencia a nosa nenez e aos xogos coa comba, "La doncella guerrera": quen non recorda isto?

"A un capitán sevillano la desgracia le dio Dios / de siete hijas que tuvo que ninguna fue varón / un día la más pequeña le pidió la bendición / padre me voy a la guerra vestidita de varón / hija mía no te vayas que te van a conocer / tienes el pelito largo y la cara de mujer / padre si lo tengo largo padre me lo cortaré / y después de bien cortado un varón pareceré / siete años peleando y nadie la conoció / sólo la hija del rey que de ella se enamoró."

Aquí tedes unha escolma de mulleres que se disfrazaron de homes:



e outra de mulleres que optaron usar un pseudónimo masculino:


xoves, 6 de marzo de 2014

Mulleres con valor

Outra vez estamos a celebrar este día 8 de marzo coa ilusoria pretensión de recordarlle á xente que as mulleres tamén formamos parte dese grupo económico que denominamos produtores, como se nosoutras non levásemos uns 200.000 anos (50.000 arriba ou abaixo) co lombo partido en aras do desenvolvemento da humanidade.

E nestas estabamos no IES Xoán Montes, cando ao Equipo da Biblioteca se nos ocorreu investigar se se lles daba ás mulleres o suficiente valor nos países europeos do século XX como para destacar as súas figuras nos billetes de curso legal.

Así foi como nos puxemos a traballar co alumnado de 1º da ESO este proxecto documental, referido a aquelas mulleres que aparecían nos billetes de países europeos nos último corenta anos antes da entrada na UE.
Nun principio chamounos a atención a desproporción estatística entre o número de personaxes masculinos que atopabamos e os femininos. A desigualdade neste espacio mesmo supera o da vida cotiá. Sen ter en conta ás raíñas, resulta inconcebible que mulleres tan importantes como houbo en ámbitos destacados de todas as artes e as ciencias no fosen nunca recoñecidas polos seus lugares de orixe, e que, por riba, se pretendese realzar en moitas ocasións figuras de mulleres prototipos, as esposas de, as obreiras exemplares, os modelos de beleza…sempre sen un nome, sen identidade.

Queda claro que os estados seguen a ser patriarcais e masculinizantes, que a muller vese na obriga de acumular maiores méritos que o home para alcanzar as mesmas cotas e que eses grandes talentos que queremos celebrar con este traballo triunfaron a pesares da súa condición feminina, tras una tenaz resistencia, en cada caso, ao rol que se lles quería impoñer dende tempos ancestrais.

Vaia aquí a nosa homenaxe tamén a todas esas mulleres que faltan, as pouco coñecidas pioneiras que romperon moldes e que sempre servirán de referencia ás novas xeneracións.



Ademais, creamos un xogo para poñer en práctica o aprendido  con esta actividade. Preme nesta imaxe:

http://www.cerebriti.com/juegos-de-historia/mulleres-con-valor#.UxjGgs6mIoo