Nacións Unidas acaba de declarar 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica. Ao mesmo tempo, a Consellería de Educación lanzaba ás bibliotecas escolares, co lema de Poéticas Diversas, un chamamento a descubrir o fenómeno lírico en todo o que nos rodea.
Pois si, xa que Ciencia e Poesía comparten, entre outras moitas cousas, a ansia humana por saber de que está feito o mundo, o coñecemento do visible e o invisible, mesmo a predición do que está por vir. Como dixo George Smoot, Premio Nobel de Física, “Cando vexo unha gran ecuación, como a de Einstein (E=MC2), atopo que algunhas ecuacións son como un haikú, un reducido número de palabras e conceptos que encaixan á perfección.”
A linguaxe poética non sería un fenómeno estético sen estar composto por elementos ordeados que encerran un número infinito de sentidos. Aínda que, probablemente, neste caso, foi a ciencia a que imitou á arte: a táboa periódica sorprende polo organizada, mellor dito, polo proporcionada, mesmo buscando a harmonía, unha obra mestra, un icono da ciencia e da cultura universais.
Para rememorala quixemos refundila coa inspiración dos poetas e poetisas que foron libres de expresar a composición do Universo sen a esixencia de ser comprobada nin xustificada por lei algunha nin principio. Non se necesita nada máis que a Química das palabras.
Ningún comentario:
Publicar un comentario