luns, 20 de xuño de 2022

FORMU -LAND- 22

 Si hai algo que todo o profesorado ten claro é que os espectáculos de masas e os seus heroes atraen ao noso alumnado como a luz ás polillas: a percura da fama, a admiración cara os deportistas, os seus logros, lesións, vida privada, ganancias… son comentados e convértense en trending topics. 

Porén, a admiración cara os heroes, as súas fazañas deportivas, non son novidosas. Ao longo da historia as xestas deportivas foron cantadas en poemas, fundidas en bronces, representadas  en mosaicos e pinturas. Tomemos como exemplo a Antiga Roma. As carreiras no circo e todo o espectáculo arredor (comida, publicidade, merchandising), os seus equipos (vermello, verde, branco, azul) e os aurigas eran venerados como na actualidade os xogadores de fútbol ou os pilotos de Fórmula 1. 

Tendo isto en conta, o Equipo de Biblioteca concebiu un proxecto que, partindo da admiración que os rapaces sinten por Fernando Alonso e cos grandes premios de F1 como fío condutor, servise para que o noso alumnado fixese a súa propia carreira turística indo dun circuíto a outro, dun país a outro. Pretendíase que este traballo servise para interrelacionar os coñecementos do curriculo de 1º da ESO: Xeografía e Historia (Economía, Política, Climas…), CCNN e Lingua, co xogo lúdico de deseñar a súa propia Guía de Viaxes, usando as TIC e a BE como fontes de información e presentación.

Ademais, co desexo de que o continente africano tamén estivera representado no proxecto, decidimos ampliar o mesmo co Rally Budapest-Bamako, que se interna no borde occidental do territorio pero só na parte africana do mesmo. En definitiva, tentamos que esta investigación se conformase como unha carreira polo saber e o coñecemento