sábado, 29 de marzo de 2014

Microteatro

Para celebrar o Día do Teatro, o grupo de actores e actrices que o conforman- Mariña, Silvia, Sara , Natali, Lidia, Lucía, Uxía, Soukaina, Fadi e Abraham- dirixidos por Alba,  ofrecéronnos a representación de catro pequenas pezas teatrais tendo como escenario catro espazos diferentes da nosa biblioteca. 
O espectáculo responde ao denominado "microteatro", é dicir, de duración curta, cun espazo reducido,cun número reducido de espectadores e moita cercanía entre actores e público.
Aquí deixamos unha breve mostra do alí acontecido, porque o teatro, como significa o seu nome, é "para ver", pero ver en vivo e en directo. E se quedastes con ganas de velos, achegádevos o mércores, previa recollida de entradas, pola biblioteca, porque o espectáculo continúa.

sábado, 22 de marzo de 2014

Pegadas poéticas

Onte pola Portanona da nosa muralla sopraron ventos. Os "ventos fuxidos" entraron polas portas e xanelas as palabras, os versos que conformaron ese "Nimbos" aos que cantou Xosé Mª Díaz Castro ou ese "Negra sombra" rosaliana. Alagaron teitos, portas, ceos e deixaron pegadas, pegadas poéticas as dos poetas e as nosas. Porque a poesía, ai¡ , a poesía non é unha incógnita que hai que despexar, nin un problema que hai que resolver. A poesía necesita saír dos libros, que a reciten, que a lembren cada día, porque ten corpo, voz, emocións... e alma.
Sirva o noso pequeno xesto como homenaxe aos poetas e a súa poesía.
Grazas a todos pola vosa colaboración¡

xoves, 6 de marzo de 2014

Mulleres con valor

Outra vez estamos a celebrar este día 8 de marzo coa ilusoria pretensión de recordarlle á xente que as mulleres tamén formamos parte dese grupo económico que denominamos produtores, como se nosoutras non levásemos uns 200.000 anos (50.000 arriba ou abaixo) co lombo partido en aras do desenvolvemento da humanidade.

E nestas estabamos no IES Xoán Montes, cando ao Equipo da Biblioteca se nos ocorreu investigar se se lles daba ás mulleres o suficiente valor nos países europeos do século XX como para destacar as súas figuras nos billetes de curso legal.

Así foi como nos puxemos a traballar co alumnado de 1º da ESO este proxecto documental, referido a aquelas mulleres que aparecían nos billetes de países europeos nos último corenta anos antes da entrada na UE.
Nun principio chamounos a atención a desproporción estatística entre o número de personaxes masculinos que atopabamos e os femininos. A desigualdade neste espacio mesmo supera o da vida cotiá. Sen ter en conta ás raíñas, resulta inconcebible que mulleres tan importantes como houbo en ámbitos destacados de todas as artes e as ciencias no fosen nunca recoñecidas polos seus lugares de orixe, e que, por riba, se pretendese realzar en moitas ocasións figuras de mulleres prototipos, as esposas de, as obreiras exemplares, os modelos de beleza…sempre sen un nome, sen identidade.

Queda claro que os estados seguen a ser patriarcais e masculinizantes, que a muller vese na obriga de acumular maiores méritos que o home para alcanzar as mesmas cotas e que eses grandes talentos que queremos celebrar con este traballo triunfaron a pesares da súa condición feminina, tras una tenaz resistencia, en cada caso, ao rol que se lles quería impoñer dende tempos ancestrais.

Vaia aquí a nosa homenaxe tamén a todas esas mulleres que faltan, as pouco coñecidas pioneiras que romperon moldes e que sempre servirán de referencia ás novas xeneracións.



Ademais, creamos un xogo para poñer en práctica o aprendido  con esta actividade. Preme nesta imaxe:

http://www.cerebriti.com/juegos-de-historia/mulleres-con-valor#.UxjGgs6mIoo