xoves, 21 de marzo de 2019

A Química das palabras: Tabla periódica dos "elementos" poéticos

    Nacións Unidas acaba de declarar 2019 como o Ano Internacional da Táboa Periódica. Ao mesmo tempo, a Consellería de Educación lanzaba ás bibliotecas escolares, co lema de Poéticas Diversas, un chamamento a descubrir o fenómeno lírico en todo o que nos rodea.
   Pero, pode ser factible no Día da Poesía conmemorar dúas efemérides nun mesmo espazo e tempo, tratando temas tan, a priori, diferentes como Poética e Química?
   Pois si, xa que Ciencia e Poesía comparten, entre outras moitas cousas, a ansia humana por saber de que está feito o mundo, o coñecemento do visible e o invisible, mesmo a predición do que está por vir. Como dixo George Smoot, Premio Nobel de Física, “Cando vexo unha gran ecuación, como a de Einstein (E=MC2), atopo que algunhas ecuacións son como un haikú, un reducido número de palabras e conceptos que encaixan á perfección.”
   A linguaxe poética non sería un fenómeno estético sen estar composto por elementos ordeados que encerran un número infinito de sentidos. Aínda que, probablemente, neste caso, foi a ciencia a que imitou á arte: a táboa periódica sorprende polo organizada, mellor dito, polo proporcionada, mesmo buscando a harmonía, unha obra mestra, un icono da ciencia e da cultura universais.
   Para rememorala quixemos refundila coa inspiración dos poetas e poetisas que foron libres de expresar a composición do Universo sen a esixencia de ser comprobada nin xustificada por lei algunha nin principio. Non se necesita nada máis que a Química das palabras.


xoves, 14 de marzo de 2019

Sen Pi non somos nada

     O Día de Pi celébrase hoxe, 14 de marzo, data que o Congreso de EEUU elixiu no 2009 para homenaxear a este número irracional, con intención de promover as matemáticas e as ciencias na educación. Os parlamentarios escolleron ese día porque a súa escritura en inglés (3/14) coincide co valor da ilustre constante.

     Nós tamén queremos sumarnos a esta celebración. Para isto, podes ver:



ou ben coñecer a Historia:

xoves, 7 de marzo de 2019

Contra vento e marea: Mulleres en loita

    A mellor protección que calquera muller pode ter é a coraxe
(Elizabeth Cady Stanton) 


 Setenta anos despois da Declaración Universal dos Dereitos Humanos, as mulleres estamos a ser a avanzadilla da loita pola non discriminación e a lexitimidade que teñen todas as persoas a ser iguais en dignidade e dereitos. Saímos ás rúas, facémonos oír, reivindicamos por aquelas que o teñen prohibido, denunciamos as inxustizas si, pero sempre estamos a conxugar os verbos en presente.
     Habería que preguntarse entón que sería de nosoutras sen as que nos precederon: mulleres sen voz, sen lei, sen partido, sen organizacións, sen redes… A súa loita foi encarnizada e descomunal, porque estaban soas e con todo en contra. Por iso elas son o noso referente, a elas debémoslles o futuro.
    Raíñas, guerreiras, Premios Nobel, artistas, heroínas, a Historia está preñada delas. Mulleres que nunca se rendiron, que pagaron en ocasións coa súa vida por un ideal ou por intentar mellorar o mundo…e que foron esquecidas ou afastadas.

     Por iso dende o IES Xoán Montes reclamamos os seus nomes en MAIÚSCULA. Por todos os nosos alumnos para que as coñezan, e por todas as nosas alumnas para que xamais as esquezan.

Powered by emaze